quarta-feira, 26 de janeiro de 2011

domingo, 16 de janeiro de 2011

Conmemoración do 125 aniversario
do nacemento de Castelao

CASTELAO A GALIZA
DO FUTURO
con
Francisco Rodríguez


MARTES 25 DE XANEIRO
20 a 21.30 horas
Casa Galega da Cultura - Vigo
Praza da Constitución


sábado, 15 de janeiro de 2011

Buscando as diferenzas

Propoñemos un xogo.
A este texto, de Castelao, metímoslle seis cambios...

«Hai moitos anos chegou a Badaxoz un empregado público Procedía das terras verdes de Galiza, pero gostaba máis terras resecas do Sur. E como non puido ir á Andalucía contentouse con Extremadura. Era sentimental en namoradizo e non tardou en prenderse dunhas reixas de ferro, endoudecido de amor por uns ollos funerarios, de tan tristes e mouros. Axiña se lle abriron as portas da casa e logrou sentar na camilla, a rente da noiva. E despois de queimara, no braseiro, unha zapatos de charol, decidiu casar e casou. Agora é un xubilado, que le o ABC e paseia o seu aburrimento mortal pola ponte do Guadiana, coas pernas arrastro e cun caravel na chaqueta.
Presentáronmo, porque disque é galego, e hoxe tentoume o demo paseiar con el. Que de parvadas tiven que escoitarlle! Faloume das corridas de touros, da lotería nacional, dos grandes políticos galegos e do noxo que lle inspira o catalanismo. Díxome que non saba como hai quen viva na nosa Terra con tanto chover e chover. Díxome que o atraso dos nosos labregos débese a que non falan en español...
Eu sabía de moitos que libraron de quintas por seis mil pesetas e podían librar por parvos, como sei de moitos que chegan a ser xubilados pola idade e que padecían de incapacidade conxénita cando se lle regalou a credencial. Sabía que os imbéciles máis fenomenais que pariu a nosa terra andan ben vestidos, e que moitas veces chegan a Excelentísimos Señores polo rigorosa orde de antigüídade. Cheguei a saber que algúns parvos de nacenza badúan enfonchados en cadeiras de Universidade. Eu sabía todo isto; pero sempre logrei fuxir de semellantes entroidos. E hoxe -quen o diría!- caín dan Badaxoz.
Os personaxes parvos son idénticos no falar. Posúen a memoria dos papagaios, ou dos gramófonos, e a intelixencia dos monos. Levan a alma uniformada con adobíos baratos. Viven espiritualmente “de gorra”. Débenlle as ideias a calquera libro de texto e débenlle o señorío a calquera xastre. Gostan do “Casino”, das “terrazas de café”, dos “locais de moda”. Militan en partidos “de dereita” e soñan coa volta do pasado. Estarían mellor en Madrid que no mesmo Ceo. Son monecos parlantes de fabricación nacional. Están feitos en serie, por Real Decreto publicado no BOE.
Estes personaxes obedecen á súa condición de parvos,e odian o galeguismo, sen teren capacidade para comprendelo. Adoran o Estado unitario e centralista, ou sexa, a “sagrada unidade da patria” (verbas máxicas, capaces de faceren parvear a calquera, incluso a un intelectual). Cren que as autonomías rompen a unidade da súa patria, que é unha boliña que lle na cabeza, cando eran nenos. Cren eu os monárquicos son máis españois que os republicanos. En resumo: cren todo canto crían os seus defuntos fabricantes.
A mentalidade dos señoritos parvos concorda coa mentalidade das señoritas cursis. Ambos os dous disimulan o acento nativo e fían o seu señorío na standarización dos modos e maneiras. Ambos os dous afincan o seu orgullo no traxe que levan posto. Viven en mundos tan arredados do noso que non debemos concederlles a categoría de adversarios.
Irmáns: fuxide sempre dos parvos. Non vos arrimedes a eles, porque poden roubarvos algo da vosa razón e transmitirvos a súa parvada. Deixádeos andar, falar, danzar e medrar no seu mundo. Es se algún parvo chega a ser autoridade non mostredes asombro, porque son cousas do sistemas que combatemos e dos tempos en que nos cadrou vivir.»
Castelao, no «Adro» de Sempre en Galiza. Badaxoz - 1935
Cales son?
Cambian realmente o seu significado?