quinta-feira, 15 de dezembro de 2011

Barbarie

Camiñante: cuspe eiquí

Imos enguedellándonos, a cada, máis e máis nun mundo de barbarie. No ámbito máis “global”, pero tamén na cotián realidade máis próxima a nós. Día a día esvaramos por un escorregadía pendente que nos degrada como sociedade, e que non augura nada bo, para ninguén, sexa quen for. Tempos de caza de bruxas, de mentiras, de manipulacións, de axitar os baixos instintos, de manter ás xentes na ignorancia. De promover o odio, a discriminación. A violencia sobre quen máis desprotexido está.
En tan só tres días deron xeque e mate. Os censores. A xogada non tivo ren de maxistral: hai tempo que están as cartas marcadas e o vento a prol. É un episodio máis na triste guerra contra a razón, contra a convivencia, contra a intelixencia, contra a liberdade, contra o idioma galego. A tres bandas: o xornal supremacista Faro de Vigo, a alcatreante Unión PeYDeira, o Valedor dos propios prexuízos. Mentiron, terxiversaron, retorceron o pescozo da verdade até esganala. Día un: a liña directa da Unión PeYDeira e o Faro fabrica da nada un titular e unha nova imposíbeis, delirantes, cargados de tendenciosidade antigalega. Día dous: o Valedor de si propio esixe pouco menos que a queima pública de libros que seica cheiran ao xofre de satán. Día tres: o xornal conclúe o folletín recollendo que a administración galega, por fin, recoñece que os libros deben purificarse na fogueira redentora -algo de esperiencia teñen nese tema- e que os outros, os malos antidemocráticos atacan os campións da pureza patria. En definitiva acadaron censurar un libro aséptico, inocente, que só fotocopiou a legalidade vixente!! É para se sentiren orgullosos do deber ben feito.
Pero quizais o máis importante, o verdadeiro obxectivo desta trilateral era outro: deixar a sensación de estarmos rodeados de perigosos filonacionalistas que queren pervertir os nosos fillos, que están por todas partes, xurden das sombras e válense dos peores medios para roubar a tranquilidade dos bos cidadáns, que evidentemente son, representan e defenden eles, o tres devanditos. Conclusión que queren que interioricemos: hai que acabar con esta raza culpábel.
Mete medo ollar de que xeito irresponsábel se fomenta a irracionalidade, a incultura, o odio baseado na desinformación interesada. Rolamos cara tempos non moi afastados, onde finalmente se amasou a carne de millóns de vítimas, nunha voráxine da que case non damos saído. Os xestionadores da barbarie eran cidadáns responsábeis, bos pais de familia. Coma estes, coma calquera.
Firen a mínima sensibilidade que un poida ter. Eu dígolles: camiñante, cuspe eiquí.

Aristeides Bramble

Sem comentários:

Enviar um comentário