sexta-feira, 30 de Setembro de 2011

SERMOS GALIZA, unha iniciativa social

Presentación da Iniciativa Sermos Galiza na Casa Galega da Cultura.

Néstor Rego profesor e presidente da Asociación Cultural O Galo.  

Margarida Romero, escritora e profesora.

Xan Colazo da Asociación Cultural O Castro



Aquí deixamos unhas imaxes do acto de onte na Cidade da Oliveira*. Foi un éxito, máis dun cento de persoas acudiron á cita con Marga Romero e  Néstor Rego que pertencen ao Grupo Promotor de Sermos Galiza. Explicaron a un público entusiasmado as claves do proxecto máis ambicioso e necesario para facermos País.

Entrade no seu blog: sermosgaliza.blogspot.com

Queremos agradecer a participación das persoas que asistiron e tamén das amigas e dos amigos que non puideron vir, mais mandaron saúdos e ánimos.

A todas e a todos

moitas grazas.

 * Proximamente contaremos porque Vigo é a Cidade da Oliveira.

quinta-feira, 22 de Setembro de 2011

Presentación da Iniciativa Sermos Galiza



«O traballo é pequeno cando se reparte entre moitos».
                                                                                   Homero


Temos o pracer que anunciar a presentación da Iniciativa social galega por un medio de comunicación, na que contaremos  coa presenza de

Margarida Romero, escritora e profesora

Néstor Rego, profesor e presidente da Asociación Cultural O Galo
ambos os dous son participantes no grupo promotor e explicarannos as principais claves deste proxecto.

Xoves 29 de setembro
20.00 horas
Casa Galega da Cultura
Praza da Princesa nº2 - Vigo


Afirma un proverbio suahili, que agora facemos galego, que quen sabe falar nunca é pobre. Hoxe somos, como pobo, un pouco máis pobres que onte. Nestes últimos tempos nós fomos quedando case sen fala, de vagar, case que por descoido, como quen queda de portas para fóra por deixar o chaveiro dentro da casa. A nosa voz esvause no vento como minguaba a imaxe daquel científico tolo que experimentaba con beberaxes na procura da invisibilidade.
Nnon nos referimos con esta imaxe ao estado da saúde de cadaquén, senón á desaparición de medios de comunicación galegos. Foise a histórica cabeceira A Nosa Terra, recluída nas hemerotecas como Merlín en Brocellanda, xunto con Galicia Hoxe e finalmente a edición impresa do Xornal de Galicia. Xa se anunciou tamén o peche da súa edición dixital para finais de ano. Debemos lembrar que con anterioridade xa desapareceran Vieiros e A Peneira entre outros. Dun tempo para esta parte desapareceron case todos os medios de comunicación en galego.
Alguén podería pensar que esta afonía social se debe a un mal aire, como se fose unha gripe de outono. Tamén podería pensar, no mesmo sentido naturista, que o seu carácter é pasaxeiro e que logo dun tempo prudencial as nosas voces volverán a se escoitar, se cadra con maior vigor. Falso. Non ten nada de natural que este andazo de afonías afecte só a medios en galego. Do mesmo xeito, tampouco é natural que unha gripe afecte unicamente ás persoas que levan o pelo curto, por poñer un exemplo de arbitrariedade.
A verdade é que non podemos falar porque nos estrangulan, porque queren afogar a nosa voz debido a que as nosas palabras molestan. As rudas e as feas anoxan, as cultas e elegantes incomodan, as túzaras e as máis intelixentes estorban, as maliciosas e as ben intencionadas chinchan por igual, as críticas proen como a rabia. Mesmo as palabras máis simples e inocentes provocan incomodo. Causan unha aguda e impertinente irritación nos oídos de quen nos odia.
Estamos nunha disxuntiva. Podemos non facer nada, ou laiarnos como moito e, xogando con aquela idea, se as persoas de ben non fan nada, daquela o mal triunfará. Deste xeito e ficaremos sen voz, mudas e mudos todos, para sempre. A segunda posibilidade, en troca, consiste loitar e ceibarse do xugo que nos afoga.
No segundo caso, o camiño que debemos tomar é construírmos o noso espazo comunicativo propio, do mesmo xeito que, nas épocas de seca sen chuvias, se cava un pozo para poder ter de onde sacar auga. Chamamos pois a coller a pa e a luxar as mans co traballo. Unha xigantesca tarefa vólvese pequena se traballamos todos e todas. Somos conscientes das posibilidades que abre o proxecto que nos dispoñemos  presentar. Saudamos, pois, a Iniciativa social por un medio de comunicación «Sermos Galiza».