domingo, 11 de novembro de 2012

Fotos en man común

Mámoa III, Chan dos Touciños, recuperada.
Perímetro da mámoa III, Chan dos Touciños, recuperada.

Cámara da mámoa II, de Costa Freiría.

Cogumelos


Fraga do monte veciñal


Mámoa da Casa dos Mouros



quinta-feira, 8 de novembro de 2012

Man común


MONTES VECIÑAIS
RAICEIRAS BEN CHANTADAS NA TERRA



Roteiro arqueolóxico, degustación de cogumelos e magosto


Coa presenza de membros da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Candeán




SÁBADO, 10 DE NOVEMBRO

17:00 horas
Unión Veciñal, Cultural e Deportiva de Candeán
Devesa, 2. Candeán (Vigo)

Actividade libre e gratuíta



Parque forestal do Vixiador, no Monte Veciñal en Man Común de Candeán

OS GRANDES DESCOÑECIDOS

Sobre os montes veciñais en man común pesa unha lousa de silencio. Ao igual que a respecto de tantas outras realidades xenuinamente galegas, os medios de comunicación social manteñen verbo deles un mutismo ignorante ou sospeitoso. Ao conxunto da sociedade só se translada unha visión nesgada, sectaria e interesada, por exemplo cando os grupos de presión económicos pretenden apropiarse deles como chan barato para as súas especulacións. Ou cunha visión catastrofista e anecdótica cando os lumes inzan as serras ou hai conflitos de lindes, de gando ceibo, de vertedoiros...
Daquela, non é raro aínda sentir falar de “o monte é de todos”, e outros slogans confusos herdeiros do forestalismo franquista que tan pouco acaía ao monte galego e que tanto dano e emigración provocou. Pois non, o monte non é de todos;, “o monte é noso” como proclamaba o filme que nos anos 70 retratou a loita pola devolución dos montes veciñais. Porque o monte é dos veciños e veciñas comuneiras de cada paroquia determinada, das persoas que teñen “casa aberta e con fumes”, de quen vive día a día nas zonas rurais relacionadas co monte, que poden ser periurbanos, pero que normalmente se trata de aldeas espalladas polas montañas e serras galegas. Quen mellor ca elas para decidiren sobre o destino que darlle aos seus montes? Iso non quita que os montes veciñais sexan montes abertos, accesíbeis ao conxunto da sociedade, pero non para facer calquera cousa, como se non tivesen donos. Porque os montes veciñais non son nin públicos nin estritamente privados particulares, e si colectivos, do conxunto de membros residentes nunha entidade de poboación, normalmente a paroquia.
As Comunidades de Montes Veciñais en Man Común son entidades cunha fonda raíz democrática, participativas, que desenvolven equilibradamente tres funcións, como son a económica, a ambiental e a social e que xeran benestar e cohesión ao largo de todo o país. Asemade, son o único recoñecemento efectivo das paroquias galegas a nivel legal e constitúen un dos feitos diferenciais da nación galega.  Poderían chegar a ser o xerme dunha economía e dun xeito de vida diferentes para o noso rural, que fose alén do actual sistema capitalista depredador dos recursos e das persoas. Porén, unha chea de atrancos limitan o seu funcionamento, e aínda poñen en perigo a súa supervivencia. Por citar dous dos máis evidentes: unha fiscalidade inxusta que trata ás comunidades de montes como se foren empresas e a ameaza da privatización que a administración estuda seguindo os apelos das empresas forestais e da celulosa.
Fronte á desvalorización dos montes veciñais queremos espallar unha das moitas experiencias concretas de Comunidades de Montes que traballan en positivo. Achegarémonos á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Candeán, no Val do Fragoso, onde coñeceremos o seu funcionamento e camiñaremos tres quilómetros polo roteiro arqueolóxico para ver as trece mámoas existentes. Xa á tardiña, degustaremos diferentes especies de cogumelos que se dan na zona, así como castañas e viño nun magosto acompañado por pandeireteiras e grupo de gaitas.
Localización:

quarta-feira, 21 de março de 2012

Imaxes de Pacheco: Contra a demoloción da memoria

Manuel Xestoso da Asociación, Pablo Prado e Pilar Abades que traballaron no Arquivo Pacheco e Vítor Vaqueiro que foi director do arquivo durante o 2007-2011.




O debate aberto sobre a situación do Arquivo Fotográfico Pacheco na Casa Galega da Cultura, foi un acto revelador que estimulou aos presentes ao coñecemento da historia de Vigo e da memoria da Galiza. Sempre truncada por motivos burocráticos ou políticos, e pintada hipocritamente por intereses maléficos duns poucos que dominan sobre un pobo cada vez máis consciente da súa realidade e indignado pola manipulación que sofre día a día.
Os arriba fotografados; Vítor Vaqueiro, Pilar Abades e Pablo Prado explicaron toda a verdade do caso Pacheco. Expoñendo a situación real dun arquivo que é unha xoia cun valor histórico e sentimental para a cidade. É un legado de todos os vigueses e debe ser defendido, e reivindicar o lugar que lle pertence. 

segunda-feira, 12 de março de 2012

Pacheco: contra a demolición da memoria



Oliveira da cidade de Vigo - Arquivo Pacheco

Debate aberto sobre a situación do Arquivo Pacheco


contaremos coa presenza de 


Vítor Vaqueiro


Profesor, escritor, fotógrafo e exdirector do arquivo fotográfico Pacheco




Martes, 20 de marzo, 20 a 21.30 h
Casa Galega da Cultura
Praza da Princesa n.º 2 - Vigo
Entrada libre e gratuíta

Máis de cen anos da historia de Vigo descansan nas gabetas do Arquivo Pacheco. Trátase dunha historia que comeza na década de 1870, cando un italiano que viaxaba cunha compañía dramática, Filipe Prosperi, decide instalarse en Vigo e establecer un estudio fotográfico no número 27 da rúa Sombreireiros. Xunto coa súa dona, a pontevedresa Cándida Otero, o seu obxectivo será testemuña da transformación da cidade: a vila mariñeira deixaba paso a unha cidade cosmopolita na que xentes de todas as partes se daban cita para construír o que sería o gran centro urbano e industrial de Galiza.
Entre estes acabados de chegar estaba o portugués Jaime Pacheco, que chegou coa mirada posta nun novo invento que definiría a imaxe que temos do século XX –o cinema– e que acabou asociándose coa viúva de Prosperi para instituír a que, sen dúbida, é a sinatura fotográfica de máis sona do país. Foto Pacheco resulta imprescindible para coñecermos o devir daquela cidade que iniciaba a viaxe cara á modernidade e na que se daban cita todos os símbolos da innovación: os tranvías e as sociedades corais, os primeiros automóbiles e os círculos deportivos, as asembleas galeguistas e os sindicatos anarquistas, os aviadores e os artistas de vangarda, os cafés literarios e as festas mundanas.
Chegou a barbarie fascista e Foto Pacheco seguiu exercendo de notario da cidade; coutouse o progreso da sociedade e o estudio permaneceu atento aos acontecementos; caeu a ditadura e aínda permanecían as fotos de Pacheco como recordatorios de que Vigo seguía na vangarda do desenvolvemento social e cívico da Galiza.
O seu legado pertence xa a todos o vigueses e por esa razón a todos nos toca defendelo das ameazas que se cernen sobre o seu futuro.