quarta-feira, 21 de março de 2012

Imaxes de Pacheco: Contra a demoloción da memoria

Manuel Xestoso da Asociación, Pablo Prado e Pilar Abades que traballaron no Arquivo Pacheco e Vítor Vaqueiro que foi director do arquivo durante o 2007-2011.




O debate aberto sobre a situación do Arquivo Fotográfico Pacheco na Casa Galega da Cultura, foi un acto revelador que estimulou aos presentes ao coñecemento da historia de Vigo e da memoria da Galiza. Sempre truncada por motivos burocráticos ou políticos, e pintada hipocritamente por intereses maléficos duns poucos que dominan sobre un pobo cada vez máis consciente da súa realidade e indignado pola manipulación que sofre día a día.
Os arriba fotografados; Vítor Vaqueiro, Pilar Abades e Pablo Prado explicaron toda a verdade do caso Pacheco. Expoñendo a situación real dun arquivo que é unha xoia cun valor histórico e sentimental para a cidade. É un legado de todos os vigueses e debe ser defendido, e reivindicar o lugar que lle pertence. 

segunda-feira, 12 de março de 2012

Pacheco: contra a demolición da memoria



Oliveira da cidade de Vigo - Arquivo Pacheco

Debate aberto sobre a situación do Arquivo Pacheco


contaremos coa presenza de 


Vítor Vaqueiro


Profesor, escritor, fotógrafo e exdirector do arquivo fotográfico Pacheco




Martes, 20 de marzo, 20 a 21.30 h
Casa Galega da Cultura
Praza da Princesa n.º 2 - Vigo
Entrada libre e gratuíta

Máis de cen anos da historia de Vigo descansan nas gabetas do Arquivo Pacheco. Trátase dunha historia que comeza na década de 1870, cando un italiano que viaxaba cunha compañía dramática, Filipe Prosperi, decide instalarse en Vigo e establecer un estudio fotográfico no número 27 da rúa Sombreireiros. Xunto coa súa dona, a pontevedresa Cándida Otero, o seu obxectivo será testemuña da transformación da cidade: a vila mariñeira deixaba paso a unha cidade cosmopolita na que xentes de todas as partes se daban cita para construír o que sería o gran centro urbano e industrial de Galiza.
Entre estes acabados de chegar estaba o portugués Jaime Pacheco, que chegou coa mirada posta nun novo invento que definiría a imaxe que temos do século XX –o cinema– e que acabou asociándose coa viúva de Prosperi para instituír a que, sen dúbida, é a sinatura fotográfica de máis sona do país. Foto Pacheco resulta imprescindible para coñecermos o devir daquela cidade que iniciaba a viaxe cara á modernidade e na que se daban cita todos os símbolos da innovación: os tranvías e as sociedades corais, os primeiros automóbiles e os círculos deportivos, as asembleas galeguistas e os sindicatos anarquistas, os aviadores e os artistas de vangarda, os cafés literarios e as festas mundanas.
Chegou a barbarie fascista e Foto Pacheco seguiu exercendo de notario da cidade; coutouse o progreso da sociedade e o estudio permaneceu atento aos acontecementos; caeu a ditadura e aínda permanecían as fotos de Pacheco como recordatorios de que Vigo seguía na vangarda do desenvolvemento social e cívico da Galiza.
O seu legado pertence xa a todos o vigueses e por esa razón a todos nos toca defendelo das ameazas que se cernen sobre o seu futuro.