segunda-feira, 12 de março de 2012

Pacheco: contra a demolición da memoria



Oliveira da cidade de Vigo - Arquivo Pacheco

Debate aberto sobre a situación do Arquivo Pacheco


contaremos coa presenza de 


Vítor Vaqueiro


Profesor, escritor, fotógrafo e exdirector do arquivo fotográfico Pacheco




Martes, 20 de marzo, 20 a 21.30 h
Casa Galega da Cultura
Praza da Princesa n.º 2 - Vigo
Entrada libre e gratuíta

Máis de cen anos da historia de Vigo descansan nas gabetas do Arquivo Pacheco. Trátase dunha historia que comeza na década de 1870, cando un italiano que viaxaba cunha compañía dramática, Filipe Prosperi, decide instalarse en Vigo e establecer un estudio fotográfico no número 27 da rúa Sombreireiros. Xunto coa súa dona, a pontevedresa Cándida Otero, o seu obxectivo será testemuña da transformación da cidade: a vila mariñeira deixaba paso a unha cidade cosmopolita na que xentes de todas as partes se daban cita para construír o que sería o gran centro urbano e industrial de Galiza.
Entre estes acabados de chegar estaba o portugués Jaime Pacheco, que chegou coa mirada posta nun novo invento que definiría a imaxe que temos do século XX –o cinema– e que acabou asociándose coa viúva de Prosperi para instituír a que, sen dúbida, é a sinatura fotográfica de máis sona do país. Foto Pacheco resulta imprescindible para coñecermos o devir daquela cidade que iniciaba a viaxe cara á modernidade e na que se daban cita todos os símbolos da innovación: os tranvías e as sociedades corais, os primeiros automóbiles e os círculos deportivos, as asembleas galeguistas e os sindicatos anarquistas, os aviadores e os artistas de vangarda, os cafés literarios e as festas mundanas.
Chegou a barbarie fascista e Foto Pacheco seguiu exercendo de notario da cidade; coutouse o progreso da sociedade e o estudio permaneceu atento aos acontecementos; caeu a ditadura e aínda permanecían as fotos de Pacheco como recordatorios de que Vigo seguía na vangarda do desenvolvemento social e cívico da Galiza.
O seu legado pertence xa a todos o vigueses e por esa razón a todos nos toca defendelo das ameazas que se cernen sobre o seu futuro. 

Sem comentários:

Enviar um comentário